Friday 17 de May de 2024

Fene mantén aberto o prazo sumarse ao grupo de apoio emocional para mulleres do Proxecto Indira IV


 

A Concellería de Benestar Social e Igualdade do Concello de Fene, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, pon en marcha un novo espazo para mulleres enmarcado dentro do denominado Proxecto INDIRA, xa desenvolvido nos anos 2018 , 2019 e 2020. Baixo o lema “Os labirintos da vida cotiá”, a actividade levarase a cabo dende o 4 de agosto ao 17 de setembro, con sesións os martes e xoves de 10.00h. a 12.00h. -que poderían variar dependendo das preferencias do grupo- no Centro Municipal de Servizos Sociais sito na Av. Da Cooperación, Bloque 1 – Baixo de San Valentín.

“Proxecto Indira” concíbese como un espazo onde as mulleres poden experimentar, coñecerse, crecer xuntas, relaxarse e gozar. Trátase dunha proposta activa e mobilizadora da condición feminina, co obxectivo de apoiar unha transformación real na vida das mulleres, pola súa propia saúde individual e familiar. As mulleres interesadas poden anotarse no Servizo Municipal de Atención á Muller por teléfono (981342607 // 981492706) ou por correo electrónico (smam@fene.gal). O prazo para anotarse permanecerá aberto dende o 16 ao 31 de xullo. Imprescindible cubrir a folla de inscrición si se fai por email.

No proxecto poden participar mulleres de Fene e bisbarra, maiores de idade, con ganas de crecer emocionalmente, de compartir e de crear espazos de solidariedade entre mulleres -resumido na palabra “sororidade”-, de empoderarse, de coñecerse e coidarse tanto mental, física como emocionalmente.

Nesta nova edición, o número máximo de mulleres que poderán participar será de 12, atendendo ao aforo permitido, segundo a normativa vixente derivada da crise sanitaria da COVID-19. A selección das participantes será por rigorosa orde de inscrición. Ademais, segundo informan dende o Departamento de Servizos Sociais, para esta nova edición poranse todos os medios necesarios para garantir a seguridade, hixiene e distancia interpersoal das participantes, motivo polo que se introduciron algúns cambios e, sempre que o tempo o permita, levarase a actividade a espazos ao aire libre, en contacto coa natureza.

INDIRA IV é un proxecto para mulleres a través de encontros semanais, no que se abordarán diferentes temas e actividades relacionadas co desenvolvemento persoal e a saúde en todas as súas dimensións. Haberá tamén tempo para compartir as situacións vividas por cada unha e as experiencias derivadas da crise sanitaria motivada polo COVID-19.

O grupo estará guiado por una psicoterapeuta con ampla formación e experiencia en Igualdade, Sexualidade, Educación Emocional, Técnicas de Relaxación e Atención Plena, Traballo Corporal, Autocoñecemento e Terapia do Reencontro, entre outras. Da coordinación do proxecto encárgase a Psicóloga Municipal, responsable técnica do Servizo Municipal de Atención á Muller e Promoción da Igualdade.

A actividade está cofinanciada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020.